O Concello de Verín elabora o seu Plan de Autoprotección para o Entroido 2023
- O xoves de comadres haberá un posto sanitario medicalizado situado na rúa Lisa.
- O dispositivo de seguridade segue a liña de edicións anteriores ó comprobarse a súa efectividade.
Onte pola mañá, na base de Protección Civil de Verín, tivo lugar a reunión de coordinación do Entroido de Verín 2023.
Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver dende o ano 2013, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños como os visitantes poidan gozar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2023.
Devandito plan reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.
O plan contempla ás seguintes medidas:
- Reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia que colaborarán nesta edición dos festexos: Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Verín, A Gudiña, A Coruña e Ferrol, Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Axencia Galega de Emerxencias e a Empresa Ambulancias Sil.
- Posta en marcha dos seguintes grandes dispositivos de seguridade:
- Domingo Corredoiro: Dende as 10:30 horas haberá cortes de tráfico, por parte da Policía Local e Protección Civil, na N-525 (dende Avda de Castela ata o cruce con rúa Lisa, por mor do desfile dos Cigarróns. Ademáis haberá equipos de Protección Civil ubicados na praza García Barbón.
- Desfile Infantil: o tráfico rodado do centro da vila estará controlado e regulado en todo momento, por parte da policía local, para evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile (co obxectivo de evitar riscos e de garantir o acceso a calquera parte do desfile e da localidade aos diferentes grupos de emerxencia no caso de ser necesaria a súa intervención). Contarase tamén con voluntarios de protección civil e unha ambulancia.
- Xoves de Comadres: este dispositivo contará con preto de 45 efectivos entre Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de A Coruña e Protección Civil Ferrol. Devanditos equipos estarán coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que estará situado na praza García Barbón e que conta cun equipo de videograbación de seguridade. Haberá un posto sanitario medicalizado, situado na rúa Lisa con gran capacidade e con dúas ambulancias.
- Venres de Compadreo: Varios efectivos da Policía Local e Voluntarios de Protección Civil acompañarán ós centos de persoas que percorren as diferentes rúas da vila xunto cos carros do compadreo. Tamén contarase coa presenza dunha ambulancia.
- Sábado de Entroido: realizarase un preventivo a noite do sábado no que se contará cun posto sanitario na rúa Lisa e unha ambulancia.
- Desfiles do Domingo e Martes de Entroido: o dispositivo é similar a anos anteriores. Como o ano pasado, informarase a aquelas carrozas participantes nos desfiles que non queiran chegar ata ó final do percorrido (praza da Alameda) que teñen a única opción de facelo a través da ponte da N-525 que comunica co barrio de San Lázaro, co fin de evitar o colapso de rúas que serven de entrada a vehículos de emerxencia á zona do desfile. O horario de corte de tráfico rodado nas Avenidas Luís Espada e Castela será: o domingo a partir das 11:00 horas e o martes a partir das 16:00 horas. Ambos desfiles contarán co servizo de ambulancia por se fora necesario.
- Como parte da implantación do Plan de autoprotección do Entroido de Verín 2023 realizouse un programa de información xeral ao público que consta das seguintes actividades preventivas:
- No tríptico e no libro do Entroido, que se reparte entre os veciños e visitantes, incluíronse consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón e das zonas de aparcamento libre gratuíto. Esta información está tamén na nova App do Entroido de Verín.
- Instalación na praza García Barbón de carteis informativos cas súas vías de evacuación.
Para a elaboración deste Plan de Autoprotección para o Entroido, o Concello de Verín tivo en conta as características das diferentes actividades programadas nesas datas, os lugares nos que se desenvolven, as características da festa e do público asistente.