Convocatoria do concurso “Cartel Oficial do Entroido 2017”

Con motivo da celebración do Entroido 2017, o Concello de Verín  convoca un concurso para seleccionar o cartel oficial das festas, con arranxo ás seguintes bases:

1º.- Poderán tomar parte no concurso todos os creadores españois ou estranxeiros que así o desexen, co número de traballos que estimen oportunos,  sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais.

2º.- Os traballos presentados terán como única identificación un lema. O incumprimento desta norma será motivo de descualificación. O lema presentarase escrito no exterior dun sobre pechado. No interior do sobre xuntarase unha fotocopia do DNI do autor/a, e información co nome artístico -de estimalo oportuno-, enderezo actual e teléfono. Os sobres abriranse despois da decisión do Xurado Os concursantes responsabilízanse totalmente de que non existen dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como renuncian a toda reclamación por dereitos de imaxe.

3º.- O formato único será vertical con tamaño de 50 x 70 cm (non servirán formatos proporcionais). Presentaranse montados sobre un bastidor ríxido. Non existirán límites de tintas nin técnicas. No caso de que a obra sexa presentada con sistemas informáticos, aportarán ademais da reprodución a cor que reúna os requisitos sinalados, o correspondente soporte magneto/óptico con todos os ficheiros necesarios para a obtención de fotolitos xunto coas fontes utilizadas, e no seu caso, os orixinais das imaxes utilizadas.

4º.- O cartel imprimirase en offset. O/A autor/a poderá indicar en Pantone as colores utilizadas.

5º.- As obras levarán como único texto ENTROIDO 2017-VERÍN. 16, 19, 23, 24, 25, 26, 27 e 28 de febreiro. Festa declarada de interese turístico nacional.

6º.- O tema será libre de elección e interpretación do autor debendo recoller o espírito entroideiro de Verín.

7º.- A data límite para a presentación dos traballos é o 9 de decembro de 2016 No caso de envíos por Correos ou por empresas de mensaxería, non se admitirán entregas a partir das 14:00 h. dese día. As obras entregaranse no Rexistro de Entrada do Concello de Verín, Praza do Concello, 1; 32600 Verín.

8º. – O Xurado Cualificador encargado de seleccionar o cartel gañador estará conformado polos seguintes integrantes:

– O anterior gañador do Cartel do Entroido
– Deseñador Gráfico
– Un artista verinés
– Un entroideiro
– Concelleiro Goberno
– Concelleiro Oposición

– Voto popular (este voto, ademais de resolver un posible empate, reflectirá o resultado do proceso electivo celebrado previamente, por parte dos cidadáns, para seleccionar o mellor cartel dos participantes. Durante as datas de exposición dos mesmos, do 12 o 17 de decembro, os veciños/as poderán votar, previa presentación do DNI, o deseño que máis lles guste. O que máis votos obteña será o cartel que represente o voto popular.

9º.- As decisións do Xurado serán inapelables e faranse públicas a través dos medios de comunicación. De estimalo necesario, o Xurado poderá propor melloras a algún dos traballos presentados para, de ser aceptadas polo/a autor/a, premialo; ou poderá propor que o concurso quede deserto. Todos/as os/as que concursen recibirán información por escrito dos acordos do Xurado. O Concello de Verín corrixirá os posibles erros dos textos que figuren nas obras e resérvase a facultade de incluír logotipos ou anagramas na composición definitiva do cartel.

10º.- O premio consistirá na edición do cartel seleccionado e nunha dotación económica de 600 euros. O cartel premiado será propiedade do Concello de Verín. Dita propiedade inclúe todos os dereitos inherentes á súa libre reprodución, difusión e no seu caso transmisión. O Concello de Verín reservase todos os dereitos de propiedade material e uso do cartel premiado e dos distintos elementos que o conformen, xuntos ou por separado, así como a súa manipulación e adaptación para adecualo nos diferentes soportes publicitarios.

11º.- Os traballos non premiados deberán ser retirados despois de 20 días de feito público o fallo do xurado. Se no prazo indicado non se retiraron, entenderase que os seus autores renuncian á súa propiedade a favor do Concello de Verín, quen poderá destruílos ou darlles o destino que considere máis conveniente ou oportuno.

A participación neste concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases. A interpretación ou modificación, no caso de precisala, das presentes Bases, é un dereito exclusivo do Concello de Verín.