Presentación Programa Entroido 2020

O Concello de Verín potencia o Entroido popular na rúa con catorce charangas, once orquestras e catro discomóbiles

  • Como novidade, o sábado 22 e domingo 23 haberá un circuíto de charangas que percorrerá as rúas Montemaior, Lisa, da Cruz, do Pozo, Praza do Cigarrón, e Praza da Mercé, entre as 19:00 e as 22:30 horas. 

Verín. 31 de xaneiro do 2019. Esta mañá, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, presentaron no Salón de Actos da Casa da Cultura a programación oficial do Entroido 2020, que este ano potencia o festa popular na rúa coa contratación dun maior número de charangas que en anteriores edicións. 

Un total de catorce charangas, once orquestras, catro  discomóbiles e a banda de gaitas municipal marcarán o ritmo do  entroido de Verín, que comeza o día 13 co xoves de compadres e termina o 1 de marzo co domingo de  piñata. Así o confirmou Emilia Somoza quen destacou o carácter continuista do deseño da programación destes festexos. «Desde o grupo de goberno mantémonos firmes na potenciación e valorización do que consideramos que e a esencia e a identidade da nosa celebración: o entroido popular  na rúa, por eso decidimos invertir o premio do concurso “O Mellor Entroido de Galicia” outorgado por Gadis en aumentar o número de charangas, pasando de nove o ano pasado a catroce este ano».  

A concelleira de Festexos anunciou tamén unha importante novidade. «Para esta edición, deseñamos un divertido circuíto de charangas que facilitará aos visitantes a localización do ambiente de festa polas rúas  da vila en todo momento, e que estará en funcionamento o sábado 24 e domingo 25, entre as 19:00 e as 22:30 horas».

Pola outra banda, Gerardo Seoane explicou que o orzamento para esta edición roldará os 150.000 euros. «O Importe total está conformado polos fondos propios do Concello, as achegas dos negocios da vila e por subvencións de diferentes administracións públicas e privadas. Este ano  temos que sumarlle o orzamento os 30.000 euros do premio ao “Mellor Entroido de Galicia” outorgado por Gadis ao Entroido de Verín».

PROGRAMA OFICIAL | ENTROIDO DE VERÍN 2020

XOVES DE COMPADRES (13 de febreiro)

Os “compadres”, dan o pistoletazo de saída ao tradicional Entroido de Verín que arrinca tras a primeira saída dos cigarróns. 

As 00:00 horas, tras as típicas ceas nos restaurantes da localidade, Os “compadres” percorrerán, ataviados cos seus característicos chapeus, bigotes e gabardinas, a rúas Montemaior (saída), Lisa, Praza Maior Cruz, Praza da Mercé, Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Deputación, Luís Espada, Lisa e Praza Maior onde, entre o estrondo dos petardos, celebrarán o xuízo e a queima do Maragato.

A charanga Los Támega e a Banda de Gaitas do Concello de Verín serán os responsables de acompañar ao carro do Maragato que conducirá aos compadres polas céntricas rúas de Verín. Tras a queima, a festa rematará na Praza Maior con Discomóbil Enjoy.

DOMINGO DE CORREDOIRO (16 de febreiro)

A partir das 11:30 horas, o son de chocas alagará as rúas de Verín coa popular concentración de Cigarróns na Praza do Concello. Como é tradición, os/as fregueses/as serán recibidos á saída das igrexas RR.PP Mercedarios e Parroquial polos cigarróns. Ás 13:30h na Praza Maior terá lugar o Pregón.

As charangas Los Támega, Tómalle outra e Noroeste marcarán o ritmo durante toda a xornada; e o Grupo Aramio e a Disomóbil A Gramola amenizarán a festa na Praza Maior, entre as 18:30 e as 23:00 horas.

XOVES DE COMADRES (20 de febreiro)

Pola mañá, a partir das 11:45 horas, os nenos e nenas das CEIPs Amaro Refojo, Augusto  Asía da Mezquita, Castrelo do Val, Medeiros, Princesa de España, Ríós- Vendas da Barreira, Rodolfo Núñez de Vilardevós, CPR María Inmaculada, CRA Monterrei, Casas Niño de Castrelo do Val, Cualedro (Aprendo Xogando), Albarrellos (Aloumiño), Vilardevós ( Lalá), Gardería da Asociación Tres Reinos A Mezquita,  Gardería Piñocho, Kero Kolo do Concello de Verín, IES García Barbón e Taboada Chivite percorrerán as rúas máis céntricas de Verín no Desfile Infantil de Entroido.

Do mesmo xeito que o ano pasado, o desfile comezará no entroncamento de Canella Cega coa rúa Cabreiroá e seguirá polas rúas Deputación, Luís Espada e Lisa, para finalizar nas Praza Maior. Nesta ocasión o desfile contará coa música da Banda de Gaitas do Concello de Verín e das charangas  Los Támega, Jalácticos, Mil9, A Chicoria e Terra de Trives.

E pola noite, mandan as mulleres. Tras as tradicionais ceas das comadres nos restaurantes da vila, amenizadas polas charangas Los TámegaJalácticas, Mil9, Europa, Noroeste e Terra de Trives, as mulleres dirixiranse á Casa de Escudo, no barrio de San Lázaro, onde, sobre as 00:30, partirá a procesión. 

A partir das 00:00 horas estarán xa animando na Praza Maior as Discomóbiles Enjoy e Gramola. En San Lázaro, a Raíña recibirá a comitiva encabezada por Don Carnal que descenderá polo camiño Real e dirixiranse a Praza Maior onde tras o saúdo da Don Carnal e a Raíña a festa continuará  a partir da 1:00 da madrugada na Praza Maior coa Orquestra La Oca.

 VENRES DE COMPADREO (21 de febreiro)

Pola mañá, a partir das 11:30 horas, as charangas Támega e Terras do Bibei percorrerá as rúas de Verín. 

Pola tarde, A celebración comezará ás 19:00 horas no barrio de San Lázaro, desde onde sairán dous carros cara á rúa Irmáns Moreno, lugar no que os entroideiros degustarán viño e o tradicional porco ao espeto. En todo momento a música acompañará aos carros a cargo dos Festicultores Troupe e da Discomóbil Space.

Xa a noite, a partir das 00:00 horas, a festa continua coa charanga Europa, para continuar ás 00:30 horas na Praza Maior co Grupo Claxxon.

 SÁBADO DE ENTROIDO (22 de febreiro)

Pola mañá, a partir das 11:30 horas, as Charangas Vai de Baile e Terras do Bibei percorrerán as rúas. 

Ás 17:00 horas, o protagonismo será para o “Bautizo do Cigarrón”, momento solemne e esperado polos novos cigarróns no que serán investidos por primeira vez, na Praza da Mercé. 

Ás 18:00 horas, a Praza da Mercé acollerá un divertido baile de capuchóns e mascaritas, amenizado pola Discomóbil Son de la Nuit.

Xa pola tarde contaremos cun divertido circuíto de charangas, que arrinca na rúa Montemaior para continuar polas rúas Lisa, da Cruz, do Pozo, Praza do Cigarrón, do Pozo e rematar na Praza da Mercé.

As charangas realizarán de maneira continuada o percorrido nos seguintes horarios:

  • 19:00 horas: Vai de Baile.
  • 20:00 horas: Los Támega.
  • 21:00 horas: Terras do Bibei.

Ás 19:00 horas, a charanga  Vai de Baile arrinca o percorrido na rúa Irmans Moreno (Pavillón de deportes) para continuar polas  rúas Laureano Pelaez, Luís Espada e Montemaior; onde dará paso a charanga Los Támega que seguirá pola rúa Lisa, rúa da Cruz, rúa do Pozo e Praza do  Cigarrón; lugar onde tomará o relevo a charanga Terras  do Bibei para seguir pola rúa Viriato, Praza do  Carboeiro, rúa Travesa e rúa do Pozo, para finalmente rematar na Praza de Edesio Fuentes.

A partir das 00:00 horas, a festa continuará na Praza Maior coa charanga Bicoia e continuará ata ben entrada a madrugada na coas Orquestras Huracan e Nebraska.

Horarios das Orquestras:

Tarde: 19:00 a 22:00 horas

Noite: 00:30 a 03:30 horas

DOMINGO DE ENTROIDO (23 de febreiro)

Chegamos o día grande do entroido en Verín. A a partir das doce, cigarróns, comparsas e carrozas , percorren o centro da vila no gran desfile matinal ofrecendo os asistentes un espectáculo cheo de cor, orixinalidade e humor que se prolongara ate a hora de xantar.  Contará coa animación musical das charangas Los Támega, Vai de Baile, Jalácticos, Terra de Trives e Fuego.

Xa pola tarde contaremos cun divertido circuíto de charangas, que arrinca na rúa Montemaior para continuar polas rúas Lisa, da Cruz, do Pozo, Praza do Cigarrón, do Pozo e rematar na Praza da Mercé.

As charangas realizarán de maneira continuada o percorrido nos seguintes horarios:

  • 19:00 horas: Vai de Baile.
  • 20:00 horas: Jalácticos.
  • 21:00 horas: Terras de Trives.

Pola tarde/noite as orquestras Capitol e Garibaldi  amenizarán a Praza Maior ata ben entrada a madrugada.

Horarios das Orquestras:

Tarde: 19:00 a 22:00 horas

Noite: 00:30 a 03:30 horas

LUNS DE ENTROIDO (24 de febreiro)

Pola maña, a partir das 11:30 horas, a animación musical a cargo das charanga Noroeste e CLK. A partir de las 16:30 horas, entroido infantil con obradoiros, xogos e karaoke no Pavillón Municipal de Deportes. A tarde estará amenizada pola música das charangas Los Támega e Noroeste que percorrerán a vila entre mascaras e disfraces. Non nos esquecemos dos nosos maiores, no Centro da Terceira Idade da Alameda, haberá un divertido baile de entroido coa Charanga Támega, a partir das 17:00 horas.

Pola tarde, desde as 17:00 horas, a festa comeza con Dj Nell e continuará, a partir das 19:00 horas, coas Orquestras Nevada e D Moda na Praza Maior, onde os asistentes disfrutarán coa degustación de dous dos nosos tradicicionais productos gastronómicos típicos do Entroido: empanada e bica. A festa continuará na Praza Maior ata ben entrada a madrugada.

Horarios das Orquestras:

Tarde: 19:00 a 22:00 horas

Noite: 00:30 a 03:30 horas

MARTES DE ENTROIDO (25 de febreiro)

Chegamos a recta final. último día da gran troula popular. Pola maña, animación musical a cargo das charangas Jalácticos e Vai de Baile

A partir das 16:30 da tarde, o derradeiro desfile repleto de máscaras, disfraces e grandes doses de humor, acompañadas de acordes musicais das charangas TámegaMil9 e Jalácticos, Trives e Fuego. Como non podería ser de outra maneira, a festa seguirá na Praza Maior coas orquestras Miramar Finisterre.

Horarios das Orquestras:

Tarde: 19:00 a 22:00 horas

Noite: 00:30 a 03:30 horas

 

DOMINGO DE PIÑATA (1 de marzo)

Como epílogo das festas, o Domingo de Piñata pecha a semana grande cunha gran comida popular para os participantes nos desfiles amenizada por unha discomóbil. 

Farase entrega tamen dos tradicionais premios “Cigarrón de Honra” “Pescadilla” e “Fidelidade.”